Esculturas de luz e tempo

 

"Son un habitante do cuadrilátero como todos vostedes. En xeral, non uso os ollos para ver o que me circunda. Teño abondo con reparar nas miñas construcións interiores".

Estas palabras dun personaxe da última, e agora desgrazadamente derradeira, novela de Xoán Fuentes parecen definilo sinxela e humildemente como sempre se amosou. Hai uns anos, en conversa lixeiramente profunda (así adoitaba falar) con el referíase a algún dos clásicos que tiña traducido nos intres de soidade que lle foran deixando os seus anos de docencia e que para o meu asombro estaban sen editar. Quizais a súa humildade provocaría co tempo que a cultura galega perdese un humanista, figura por certo ben escasa, un home que non escribiu, como afirmou Ramón Caride no seu momento, ningunha frase innecesaria e que novelou para darlle existencia ao que resulta evidente. Gracias a Xoán Fuentes podemos ler en galego obras de Wibberley, Calvet, Sartre ou Barraud e tamén as Bucólicas ou a Eneida de Virxilio.

O tempo e as circunstancias non permitiron que, ata o de agora, visen a luz outros textos que tiña proxectados e mesmo rematados, como traducións de Wittgenstein, por exemplo. Consciente do que estaba por facer, os intereses de Fuentes focalizaron os seus traballos naqueles eidos practicamente ermos aínda na nosa lingua e por iso verteu textos sobre Música, Lingüística, Filosofía e Literatura. Sentiría verdadeira mágoa se a cultura galega deixara pasar a valía dun legado descuberto nos inicios por Afonso Ribas e que o propio autor confiou nas miñas mans a partir daquela conversa na que as súas teimas e ideas me fixeron cómplice da súa optimista e irónica ollada, propia de quen esculpe eternas figuras de luz e tempo.

 

 

©David González Couso

 

Culturas, La Voz de Galicia, 19/10/2013, p.8